Saturday 27 de April de 2024

O Monte do Gozo mostra xa importantes avances grazas ao Plan de Actuación de Turismo de Galicia


Nava Castro destacou a importancia desta actuación que revitalizará o seu valor referencial no mundo xacobeo e o converterá nun espazo ao servizo dos cidadáns e dos turistas de Santiago de Compostela e de Galicia

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, visitou esta mañá o complexo do Monte do Gozo o cal xa mostra importantes cambios tras as intervencións realizadas no seu Plan de Actuación desenvolvido pola Xunta de Galicia para a súa adaptación ás necesidades actuais e convertelo, así, nunha referencia nacional e xacobea.

Na súa visita, a responsable de Turismo da Xunta destacou que este Plan constitúe unha actuación fundamental tanto para Compostela como para a Ruta Xacobea, posto que, segundo afirmou, se trata do parque de maior dimensión da cidade e a porta de entrada dos peregrinos a Galicia.

En relación as intervencións realizadas, a directora de Turismo de Galicia explicou que corresponden a Fase I a cal leva consigo un investimento de 600.000 euros dos 1,2 millóns de euros totais que contempla o Plan.

Nava Castro sinalou que no entorno da Capela de San Marcos é onde estanse a realizar as modificacións máis destacables que, segundo sinalou, comprenden a naturalización dos camiños existentes e arroupamento do monumento Juan Pablo II con carballos transplantados que permitirán unha visión en continuidade coa carballeira da capela, a apertura de novos camiños cunhas pendentes máis accesibles e uns anchos máis acordes co uso peonil, a eliminación do aparcamento do lado da capela coa conseguinte modificación do percorrido dos autobuses así como a creación de muros de pedra e zonas de estancia.

Por outra parte, a responsable de Turismo da Xunta destacou a adaptación da zona do Parque Inglés, concretamente o entorno da estatua dos peregrinos, onde se cambiou totalmente a forma de acceder ao dito monumento recuperándose a escala peonil e enfatizando a visión da cidade e a catedral. Neste senso, sinalou que, deste xeito, esta zona do parque dispón agora dun sendeiro en forma de anel practicamente sen pendente que o fará moi atractivo para a xente que queira practicar deporte así como bancos de pedra que permitirán parar e observar a paisaxe.

Nava Castro fixo referencia, así mesmo, ás intervencións da orla central do parque onde xa se están a realizar os primeiros muros de pedra e camiños e onde no mes de setembro estará conformada unha zona de estadía con bancos, bancos-cama, mesas para picnic, espazos de auga e sombras de árbores froiteiras onde os peregrinos e cidadáns poderán pasar os seu tempo de lecer. “Un lugar para invitar a parar aos miles de peregrinos e turistas que pasan cada día polo Monte do Gozo e tamén un espazo para o gozo de calquera cidadán galego”, precisou.

A directora concluíu destacando que “estas intervencións dotarán de nova vida a este amplo espazo de parque de Santiago de Compostela, revitalizando o seu valor referencial no mundo xacobeo pero tamén converténdoo nun espazo ao servizo dos cidadáns e dos turistas de Santiago de Compostela e de Galicia”.

Espazo de acollida e espiritualidade xacobea
Grazas a todas estas actuacións contempladas no Plan, a nosa comunidade recuperará un espazo de referencia na acollida e espiritualidade do fenómeno xacobeo que se atopa en pleno auxe.

No 2015 recolleron a súa Compostela un total de 262.515 peregrinos, o que supuxo un máximo histórico nun ano non Santo e un incremento do 10,31% en relación aos peregrinos rexistrados no ano 2014.

Neste ano, estas cifras van en aumento e no que vai de ano xa chegaron a Compostela un total de 139.106 peregrinos, o que supón un incremento de máis do 6%.